Que facemos?

O Concello de Cerceda puxo en marcha, en marzo de 2008, o Servizo de Normalización Lingüística, como unidade indispensable no proceso de normalización no ámbito do Concello de Cerceda e do país.

As nosas funcións son as seguintes:

Funcións xerais

Asesorar a Administración en todo o relacionado coa política lingüística

Facer un seguimento do cumprimento da lexislación en materia lingüística por parte da institución e, por tanto, velar para que se lle garantan os dereitos lingüísticos á cidadanía.

Colaborar coa Administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios en cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e nos procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos das persoas aspirantes.

Funcións de dinamización lingüística

Planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega seguindo as directrices de política lingüística do organismo.

Fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social.

Propor programas dinamizadores e actividades concretas que conciencien a sociedade a respecto do uso da lingua galega.

Propiciar e xestionar liñas de información e axuda dirixidas á rede asociativa, empresarial e educativa para fomentar o uso do galego.

Promover e coordinar grupos de persoas interesadas no proceso de normalización lingüística para que funcionen como axentes normalizadores na sociedade.

Función de formación (socio)lingüística

Planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos.

Difundir materiais que contribúan á tarefa normalizadora: dereitos lingüísticos, lexislación, recursos lingüísticos etc.

Colaborar no deseño de programas de formación non lingüística para garantir a presenza do galego e de contidos favorábeis á mellora de actitudes lingüísticas.

Funcións de asesoramento lingüístico

Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración.

Normalizar a imaxe lingüística e fixar criterios lingüísticos para a organización.

Resolver dúbidas lingüísticas.

Se ten algunha dúbida ou quere coñecer máis polo miúdo as nosas funcións, pode pórse en contacto connosco