As nosas recomendacións: Saborea o galego

O Concello de Santiago, a través do seu Departamento de Lingua, acaba de pór en marcha a campaña Saborea o galego que procura implicar o persoal ao servizo da cidadanía na Administración local na normalización da lingua.

A campaña conta coa edición de 930 exemplares dun recipiente que contén material dirixido a traballar tanto a sensibilización lingüística cunha mensaxe positiva e próxima (folleto explicativo, autocolante e caramelos) como a formación do persoal municipal (achegando un lapis USB cunha multimedia de recursos tanto lingüísticos como tecnolóxicos ou normativos referidos ao uso da lingua).

Este lapis de memoria achega unha serie de recursos que axudará a reforzar a competencia lingüística e os coñecementos normativos, ademais de proporcionar fontes de referencia para a resolución de dúbidas na elaboración de documentos

Antes de se distribuír entre o persoal do concello, o Departamento de Lingua do Concello de Santiago puxo dispoñible na rede o material multimedia da campaña, que se pode consultar nesta ligazón.

Este material consta de varias seccións:

  • Recursos: este apartado é o máis extenso e presenta unha serie de recursos seleccionados e preparados especialmente para os/as traballadores/as do Concello de Santiago no que respecta ao procesador de textos, dicionarios, enciclopedias, ortografía e linguaxe administrativa galega.
  • Fórmate: esta área fala da formación xeral de lingua (os cursos Celga e as súa probas) e dos cursos de linguaxes específicas como a administrativa ou xurídica.
  • Normativa: neste apartado fíxose unha escolma de textos referidos á regulamentación do uso da lingua galega.
  • O teu pc en galego: e por último preséntase unha pequena guía para traballar co ordenador galeguizado.

Os comentarios están pechados.