Son os teus dereitos. Esíxeos!

Malia os recentes cambios lexislativos que se están a introducir no país, a cidadanía galega goza de diferentes dereitos lingüísticos que, por descoñecemento, non sempre os facemos valer ou cumprir. É hora, pois, de coñecermos a nosa protección xurídica e de poñela en práctica. É hora, pois, de esixirmos os nosos dereitos.

Comezamos unha serie de entradas en que describiremos os dereitos lingüísticos máis importantes que gozamos.

Dereito á empregar o galego nas relacións coa administración

Temos dereito a dirixirnos en galego, tanto oralmente como por escrito, en todas as Administracións públicas de Galicia, incluído o Concello de Cerceda en todos os servizos e a todas as persoas que nel traballan.

Este dereito baséase nas seguintes disposicións normativas:

  • Lei de normalización lingüística de Galicia

    Artigo 6.1

    Os cidadáns teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

  • Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

    Artigo 35.d

    [A cidadanía ten dereito] A utilizar as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma, de acordo co previsto nesta lei e no resto do ordenamento xurídico.

Este dereito faise efectivo no Concello de Cerceda e toda a Administración local, incluída a Deputación da Coruña, na Xunta de Galicia e na Administración Xeral do Estado en Galicia, así como nas empresas públicas dependentes delas

Dereito á atención en galego

Toda a cidadanía galega ten dereito a ser atendida oralmente en galego en calquera Administración ou empresa pública. Este dereito baséase no seguinte texto lexislativo:

  • Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público

    Artigo 54.11

    [Os empregados públicos] Garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio.

Referencias legais

Máis información

Para calquera cuestión sobre os seus dereitos lingüísticos, pode contactar connosco

Os comentarios están pechados.