O Pleno do Concello de Cerceda insta á Xunta a retirar as bases do decreto de plurilingüismo

O Pleno do Concello de Cerceda aprobou, con 12 votos a favor (9 do Grupo Municipal do PSG-PSOE e 3 do Grupo Municipal do BNG) e unha abstención (do PP), unha moción presentada polo grupo socialista en que se insta á Xunta de Galicia a retirar as bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e á recuperación do consenso en materia lingüística.

Logo dunha exposición de motivos en que se salienta que a Xunta de Galicia “ten conseguido a dubidosa honra de que non exista ningunha institución nin sector da sociedade galega que defendan, sequera minimamente, as bases presentadas polo actual goberno Popular”, e que “rachou co consenso lingüístico deste país, nomeadamente co Plan xeral de normalización lingüística aprobado por todo o arco parlamentario no ano 2004”, o Pleno do Concello acordou instar á Xunta de Galicia ao seguinte:

  1. Establecer medidas de protección da lingua galega para superar a súa posición de desvantaxe.
  2. Non tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de desenvolvemento do galego.
  3. Tomar, por contra as medidas precisas no eido da educación, que garanten a competencia plena do alumnado nas dúas linguas oficiais ao rematar o ensino secundario obrigatorio.
  4. Presentar un verdadeiro plan de aprendizaxe de linguas estranxeiras factible e rigoroso sobre a base de continuar e potenciar as medidas acometidas dende o anterior goberno e coa súa correspondente memoria económica que o faga factible.
  5. Reconstruír o consenso social e político, tomando como punto de partido o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento na VI Lexislatura.
  6. A enmarcar o consenso, tal e como defende o Consello da Cultura Galega e impulsa o Grupo Parlamentario Socialista, na constitución no Parlamento de Galicia dunha Comisión parlamentaria na que, estando presente as tres forzas do arco parlamentario, conte coa participación das distintas institucións, sectores sociais, membros da comunidade educativa, ademais de asesores e especialistas, cara á redacción final dun texto que reflicta o consenso que en materia lingüística este país necesita.

Pode descargar unha copia deste acordo nesta ligazón

A nova nos medios

One ResponseO Pleno do Concello de Cerceda insta á Xunta a retirar as bases do decreto de plurilingüismo to “”

  1. chuza.org

    O PP abstense nunha moción do Concello de Cerceda para retirar as bases de plurilingüismo…

    O Pleno do Concello de Cerceda aprobou, con 12 votos a favor (9 do Grupo Municipal do PSG-PSOE e 3 do Grupo Municipal do BNG) e unha abstención (do PP), unha moción presentada polo grupo socialista en que se insta á Xunta de Galicia a retirar as bases …