A AC Lucerna organiza para o 22 de maio o XVII Festival Cerceda

O vindeiro sábado 22 de maio, a Asociación Cultural Lucerna organiza o Festival Cerceda, que neste ano chega á súa XVII edición. O tradicional festival de música está dedicado este ano á cultura libre pois os e as artistas que este ano pasarán polo noso concello distribúen as súas obras segundo os termos de licenzas copyleft ou Creative Commons.

O festival non se quedará só nas actuacións musicais, pois haberá documentais, curtas e actividades para os e máis peques durante a tarde. Na Casa da Cultura, a partir das 16.30 horas a rapazada poderá gozar do Galiza Pulgas Circus, co famoso Claudio Carruselo como domador das “feras”, un espectáculo de imaxinación e de animación á lectura.

Ás 18.30 horas, tamén na Casa da Cultura asistiremos a unha mesa redonda sobre os chamados bens culturais de uso común na que participarán María Yáñez, da produtora A Navalla Suíza; Francisco Alvarellos e Joaquin Rise, socios de Casa de Música, un espazo multidisciplinar compostelán que ofrece asesoramento a locais e grupos sobre lexislación e licenzas; Uxío Broullón, creador da plataforma Commonsbaby.com, un podcast sobre músicas distribuídas baixo licenzas copyleft, Creative Commons ou de libre descarga; Samuel Paris, autor do libro Manual da destrución, editado baixo licenza Creative Commons; Leo i Arremecághona, cantautor punk que distribúe o seu traballo con licenza libre; e Martin Loureiro, membro do grupo cercedense Machina. En paralelo, haberá proxeccións de curtametraxes, e a gravación de todo o que pase no Campo da Feira de Cerceda subirase a Internet con licenza de distribución libre.

Para a noite fica reservado o concerto co mellor da nosa música emerxente:

  • Nao: unha das bandas galegas do metal máis en boca nos últimos tempos, que presentará o seu último disco, Coas túas mans.
  • O Leo i Arremecaghona, cantautor punk que leva xa 12 anos levando o seu espectáculo polos escenarios galegos.
  • Fracasados de Antemano, unha das bandas emerxentes con máis proxección.
  • 12 Labirinto, a nova fornada do rock cercedense.
  • Selectah in Helicopta + Gendebeat, a banda viguesa únese ao artista cercedense Gendebeat para conxugaren nun único espectáculo o reggae, o rap e o beatbox.

Podes achar máis información sobre o XVII Festival Cerceda no blogue da AC Lucerna.

One ResponseA AC Lucerna organiza para o 22 de maio o XVII Festival Cerceda to “”

  1. Rocio

    Bo día Ivan!
    Erraches no día do festival, xa pasou foi o pasado sábado 22.
    Bicos.
    Rocío.