As ondas da Radio Cerceda volven inzar o ar de palabras

Durante os días 29 e 30 de novembro, e 1 de decembro, o alumnado de educación infantil e primaria do CPI O Cruce de Cerceda recibiron a visita dos compañeiros da editorial Kalandraka, que levaron a cabo tres obradoiros distintos (oralidade, de escrita creativa e de gráfica creativa) segundo a súa idade.

Estes obradoiros complementáronse cun blog onde se publicaron os traballos realizados neles. Ademais aproveitaranse os obradoiros para gravar programas da radio que farán os rapaces e rapazas e que se emitirán a través da radio do noso concello. Así, dende o 17 de xaneiro e até o 21, a Radio Cerceda (107.4 da FM) emitirá estes microespazos a partir das 18.30 horas.

Con todo, se non tes a posibilidade de escoitalos na súa hora, o blogue de Palabras no Ar publicará en breve os ficheiros de audio para que os poidas escoitar na rede.

Esta actividade estivo encadrada dentro do programa de dinamización lingüística Bocaberta que leva a cabo a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e contou coa colaboración do SNL do Concello de Cerceda e co CPI O Cruce de Cerceda.

One ResponseAs ondas da Radio Cerceda volven inzar o ar de palabras to “”

  1. Xose

    Moitas grazas pola difusión da actividade no voso blog. E tamén pola acollida en Cerceda. Unha aperta e seguimos en contacto!