Cerceda fica inzado de palabras no ar

Palabras no ar

O concello de Cerceda ficou inzado de Palabras no ar. O Centro Cívico  viviu esta semana os obradoiros de Palabras no Ar que organizaron a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a editorial Kalandraka, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística e o CPI O Cruce de Cerceda.

Durante as xornadas do luns, do martes e do mércores, o alumnado de educación infantil e primaria do CPI O Cruce de Cerceda participaron en tres tipos de obradoiros: e (oralidade, de escrita creativa e de gráfica creativa) segundo a súa idade.

Estes obradoiros compleméntanse cun blog onde se publicarán os traballos realizados neles. Ademais aproveitaranse os obradoiros para gravar programas da radio que farán os rapaces e rapazas e que se emitirán a través da rede de emisoras municipais de Galicia. En concreto, a Radio de Cerceda emitirá ao longo do mes de xaneiro estes microespazos radiofónicos onde se resumirán as actividades e onde os protagonistas serán os e as propias rapazas que participaron nestes obradoiros.

Esta actividade estivo encadrada dentro do programa de dinamización lingüística Bocaberta que leva a cabo a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Merendas e contos na Biblioteca da Silva e no Auditorio de Cerceda

O programa AnimaLectura do Concello de Cerceda programa para o vindeiro 19 de novembro unha nova tarde de contos e merendas na Biblioteca da Silva e no Auditorio de Cerceda. Para asistires, tes de conseguir os teus convites na Biblioteca da Silva e na Oficina Municipal de Información Xuvenil de Cerceda.

As actuacións son as seguintes:

  • Contacontos na Biblioteca de Libros Fantásticos na Silva. Venres 19 de novembro ás 17.15
  • Os ratos de lonxedetodo visitan o Auditorio de Cerceda. Venres 19 de novembro ás 17.30

Para máis información podes chamar ao teléfono 981 685 001 (Concello de Cerceda) ou 981 686 209 (Oficina Municipal de Información Xuvenil)

Cancélase a representación da obra Pingueiras e Tarteiras

A representación da obra Pingueiras e Tarteiras, programada para o luns 11 de outubro da compañía Teatro del Andamio, cancélase por causas alleas ao Concello de Cerceda. Con todo, a representación terá lugar nunha outra data da que se informará polos medios habituais.

O luns 11 de outubro representarase a obra Pingueiras e Tarteiras no Auditorio

O luns 11 de outubro a compañía Teatro del Andamio representará no Auditorio Municipal a obra “Pingueiras e Tarteiras”, un espectáculo dirixido a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos. A obra comezará ás 18.00 horas.

A obra, escrita por Teresa González e publicada por Edicións Xerais de Galicia, recibiu o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2008 da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está dirixida por Álvaro Guevara e o reparto está formado por Cristina Ramallal, Luis Vivanco, Gema Ulloa, Álvaro Guevara e Nacho Martin Autor.

Sinopse da obra. No Castelo Grisallo todo é gris: desde o maimiño da raíña ata a súa cunca de porcelana inglesa. E tamén chove moito. A Súa Maxestade xa está cansa de colocar tarteiras debaixo das pingueiras. Pero un día chega pola porta a Compañía do Paraugas. Pouco a pouco os membros desta compañía de circo -que outrora fora esplendoroso- daranlle cor a tanta monotonía. E farán que a mesma choiva soe a música: a música das pingueiras nas tarteiras.

Toupa.net, furando nos vizosos campos da cultura galega

Mercar o último disco de Lamatumbá, a última novela de Teresa Moure ou procurar un agasallo especial é hoxe máis fácil. Hai unhas semanas púxose en marcha o web Toupa.net, un espazo creado para achegar a produción cultural con perspectiva galega que é difícil de atopar nas canles tradicionais de distribución. Así o portal pretende facilitar o acceso da sociedade aos produtos culturais galegos, visibilizándoos e posicionándoos nas máximas canles posibles.

Baixo o lema de “Cultura para levar”, Toupa.net ofrece un interesante catálogo de música, libros, comics e DVD en galego ou de autores galegos, que en moitos casos son difíciles de atopar nas canles convencionais.

Ao mesmo tempo, o proxecto non só é unha relación de produtos culturais galegos, senón que pretende servir de escaparate para os e as autoras galegas, as produtoras e editoras que crean na cultura galega. Deste xeito, elaboran espazos personalizados para cada un deles con información.

O proxecto conta cunha forte presenza na rede a través do seu portal web, un blogue ou unha páxina no Facebook.

Unha xanela aberta ao galego

A multinacional estadounidense Microsoft vén de pór á disposición das persoas usuarias o parche da última versión do seu sistema operativo, o Windows 7, para gozarmos dunha interface traducida ao galego.

O proceso para instalar este “parche” de galego é o seguinte. En primeiro lugar, existen dúas versións, unha de 32 bits e outra de 64 bits, a depender do noso computador. Para comezar a descarga, debemos saber  que versión de Windows 7 temos no noso computador instalada. Para sabermos esta información, prememos o botón inicio e, a seguir, onde pon Equipo ou Computador, prememos co botón dereito e seleccionamos Propiedades.


Na sección Sistema móstrase se está a executar a versión do sistema operativo de Windows 7 de 32 bits ou de 64 bits

Logo de comprobarmos a versión que temos instalada, accederemos á páxina de descargas a través desta ligazón. Nesta páxina procuraremos a sección Ficheiros nesta descarga e dos ficheiros dispoñíbeis elixiremos o que se adapta aos requirimentos do computador.

Prememos o botón descargar e na xanela de diálogo escollemos a opción Gardar:

Logo de descargarmos o ficheiro, temos de localizalo no computador (polo xeral no cartafol Descargas ou aquel que teñamos habilitado para o efecto). Prememos dúas veces co botón dereito do rato e comezará o proceso de instalación do parche.

Cando rematemos o proceso, teremos que reiniciar o computador e xa teremos unha interface visual en galego para o Windows 7.

Cómpre lembrar que as anteriores versións do Windows tamén están dispoñíbeis en galego nas ligazóns seguintes:

Windows XP

Windows Vista

ANT Lingua: espazo para resolvermos as dúbidas lingüísticas

O diario dixital A Nosa Terra inaugura ANT Lingua, un espazo sobre como mellorar a fala e escrita en galego baseado na participación dos usuarios e usuarias do xornal

A nova sección de A Nosa Terra, ANT Lingua é un espazo de divulgación do idioma galego que se vai renovar cada día e que quere contar coa colaboración dos/as lectores/as para encontrar aqueles temas de maior interese. A idea é que cada post fale dun tema concreto da lingua, en temas como a ortografía, a gramática, a onomástica ou a sintaxe. A serie terá en conta as achegas dos lectores, tanto nos temas que tratar como naqueles aspectos que se poden completar coa visión, experiencia e coñecementos de cada lector.

ANT Lingua é a primeira das seccións que terán cabida no novo espazo ANT Útil, que no futuro irá albergando novas series pensadas para ampliar os saberes dos/as usuarios/as da web de A Nosa Terra Diario. Temas tan diversos como a análise das tendencias de moda e formas de vida, destinos imprescindíbeis para o lecer en Galiza, seguimento do mellor e o peor da TDT ou a análise das estreas de cinema e DVD polo crítico Xosé Valiñas son algúns dos pratos que están a preparar neste xornal.

Fonte da nova: CTNL

A AC Lucerna organiza para o 22 de maio o XVII Festival Cerceda

O vindeiro sábado 22 de maio, a Asociación Cultural Lucerna organiza o Festival Cerceda, que neste ano chega á súa XVII edición. O tradicional festival de música está dedicado este ano á cultura libre pois os e as artistas que este ano pasarán polo noso concello distribúen as súas obras segundo os termos de licenzas copyleft ou Creative Commons.

O festival non se quedará só nas actuacións musicais, pois haberá documentais, curtas e actividades para os e máis peques durante a tarde. Na Casa da Cultura, a partir das 16.30 horas a rapazada poderá gozar do Galiza Pulgas Circus, co famoso Claudio Carruselo como domador das “feras”, un espectáculo de imaxinación e de animación á lectura.

Ás 18.30 horas, tamén na Casa da Cultura asistiremos a unha mesa redonda sobre os chamados bens culturais de uso común na que participarán María Yáñez, da produtora A Navalla Suíza; Francisco Alvarellos e Joaquin Rise, socios de Casa de Música, un espazo multidisciplinar compostelán que ofrece asesoramento a locais e grupos sobre lexislación e licenzas; Uxío Broullón, creador da plataforma Commonsbaby.com, un podcast sobre músicas distribuídas baixo licenzas copyleft, Creative Commons ou de libre descarga; Samuel Paris, autor do libro Manual da destrución, editado baixo licenza Creative Commons; Leo i Arremecághona, cantautor punk que distribúe o seu traballo con licenza libre; e Martin Loureiro, membro do grupo cercedense Machina. En paralelo, haberá proxeccións de curtametraxes, e a gravación de todo o que pase no Campo da Feira de Cerceda subirase a Internet con licenza de distribución libre.

Para a noite fica reservado o concerto co mellor da nosa música emerxente:

  • Nao: unha das bandas galegas do metal máis en boca nos últimos tempos, que presentará o seu último disco, Coas túas mans.
  • O Leo i Arremecaghona, cantautor punk que leva xa 12 anos levando o seu espectáculo polos escenarios galegos.
  • Fracasados de Antemano, unha das bandas emerxentes con máis proxección.
  • 12 Labirinto, a nova fornada do rock cercedense.
  • Selectah in Helicopta + Gendebeat, a banda viguesa únese ao artista cercedense Gendebeat para conxugaren nun único espectáculo o reggae, o rap e o beatbox.

Podes achar máis información sobre o XVII Festival Cerceda no blogue da AC Lucerna.

O Concello de Cerceda programa diferentes actividades para celebrar o Día das Letras

O Concello de Cerceda organiza, co motivo do Día das Letras, unha serie de actividades para promocionar e difundir a nosa literatura, que terá lugar o venres 14 de maio.

A xornada comezará ás 10.00 horas no CEIP Celso Emilio Ferreiro da Silva, coa entrega de premios do I Certame de Postais. A seguir, ás 10.30 horas, o grupo de teatro Carpe Diem representará a obra Renata para os nenos da escola unitaria do Calvario e para o alumnado do CEIP da Silva. A xornada verase completada co festival organizado polo centro escolar.

Pola súa banda, ás 12.00 horas, a compañía Xandobela desenvolverá un proxecto de divulgación e de dinamización da figura de Uxio Novoneyra, dirixido ao alumnado da ESO do CPI O Cruce de Cerceda.

Ás 13.15 horas, e xa no Auditorio municipal, entregaranse os premios do Certame de Postais e do Certame de recollida da tradición oral, para os e as gañadoras do CIP O Cruce. Ao remate deste acto, a compañía Teatro do Andamio representará a obra A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz para o alumnado de Infantil e Primaria do CPI O Cruce.

Xa temos gañadores dos certames do Día das Letras

E

O xurado reuniuse o venres 7 maio para elixir os traballos gañadores dos dous certames que o Concello de Cerceda convocou con motivo do Día das Letras Galegas e que estaban dirixidos ao alumnado dos centros do concello.

O xurado expresou a grande calidade dos traballos que se presentaron nos dous certames e acordou facer o posible para publicitar e publicar os traballos, nomeadamente os que se presentaron ao certame de secundaria, pola extensión e a dedicación do alumnado, Nos próximos días publicarase unha galería de imaxes cos traballos gañadores do Certame de Postais do Día das Letras e estudarase a posibilidade de editar o Certame de Recollida da Tradición Oral do Concello de Cerceda.

Os premios foron os seguintes

Certame de Postais do Día das Letras. Educación infantil e primaria
1.ª categoría. Educación Infantil

  • 1.º premio: grupo de infantil de 4 anos do CPI O Cruce
  • 2.º premio: grupo de infantil de 5 anos do CEIP Celso Emilio Ferreiro
  • 3.º premio: grupo de infantil de 3-4 anos do CEIP Celso Emilio Ferreiro

2.ª categoría. 1.º e 2.º de primaria

  • 1.º premio: 2.º curso  CEIP O Calvario
  • 2.º premio: 2.º de primaria do CEIP Celso Emilio Ferreiro
  • 3.º premio: Hugo Suárez, José Antonio Prego, Eduardor Ferrero, Manuel Oegeira, Inés Grela e Roberto Pereira do CPI O Cruce

3.ª categoría. 3.º e 4.º de primaria

  • 1.º premio: Luis Mosquera Conde, CEIP Celso Emilio Ferreiro
  • 2.º premio: José Grela Prego, CPI O Cruce
  • 3 º premio: Sara Botana Santos, CEIP Celso Emilio Ferreiro

4.ª categoría. 5.º e 6.º de primaria

  • 1.º premio: Carla Ramiro Fariá, CEIP Celso Emilio Ferreiro
  • 2.º premio: Andrea Bello Barbeito, CPI O Cruce
  • 3.º premio: Amanda Ramilo Amor, CEIP Celso Emilio Ferreiro

Certame de Recollida da Tradición Oral do Concello de Cerceda. Educación Secundaria
1.ª categoría. 1.º e 2.º da ESO

  • 1.º premio: Miguel Loureiro Ameijenda, Marco Nicolli Becerra e Dylan Raña Pose, 2.º B
  • 2.º premio: Juán José Valier Salgado e Coral Pallas Liñares, 1.º da ESO
  • 3.º premio: Cristian Loureiro Raña, Adrián Loureiro Raña e Oscar Pereiro Fuentes, 1. da ESO

2.ª categoría. 3.º e 4.º da ESO

  • 1.º premio: Rubén Barreiro Bertoa, Judit Cabeza Martínez, Rubén Fariña Lista, Raquel González Rama, 3.B da ESO
  • 2.º premio: Lara Vázquez Rodríguez, Marta Fraga Pereiro, Diego Pena Castiñeiras, Angel Lamas Castro, 3. da ESO
  • 3.º premio: Inés Martínez Pena