Un novo recurso: Manual básico de documentación administrativa e xurídica

Esta mañá foi presentado o Manual básico de documentación administrativa e xurídica, unha publicación que recolle modelos de documentación xurídica en galego para facilitar e promover o labor dos e das profesionais da Administración de Xustiza.

O Manual básico de documentación administrativa e xurídica, que se pode descargar en formato PDF nesta ligazón, inclúe unha versión actualizada do anterior Manual básico de documentación administrativa. As autoras da parte de documentos administrativos foron Maricarme García Ares, Concha Martínez Mayo e Susana Mayo Redondo do Seminario Permanente de Linguaxe Administrativa, coa coordinación de Manuel Rico Verea. Pola súa banda, as autoras e autores da parte de documentos xurídicos foron Alexandre Alonso Alonso, Flora Carpente Leira, Maricarme García Ares, Daniela García Sánchez, Felisa Marzabal Expósito e Luís Villares Naveira, coordinados por Xoán Rivas Cid.

O manual establece modelos que pretenden serviren de guía orientativa e clarificadora para o persoal da Administración.

O manual está estrutúrase en catro grandes apartados:

  • Unha guía rápida para a redacción administrativa e xurídica.
  • Modelos comentados de documentos administrativos
  • Modelos comentados de documentos xurídicos.
  • Bibliografía e ligazóns de interese.

Fonte da nova: Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua

Primavera das Letras en Cerceda. Contacontos nas bibliotecas municipais

O Concello de Cerceda organiza un programa de actividades de dinamización e de animación á lectura nas bibliotecas municipais da Silva e de Cerceda. O programa iniciase o próximo venres 23 de abril ás 17.30 h.

As actuacións para o día 23 son as seguintes:

* COMPAÑÍA DO TRINKE TRINKE: Os ratos de lonxedetodo visitan a biblioteca municipal da Silva ás 17.30h.
* DUENDE SICO, presentan o espectáculo das merendas na Biblioteca de Cerceda.

Os dous espectáculos están dirixidos a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos e público familiar.

A tarde de contos compleméntase cun convite coa merenda para as nenas e os nenos que participen. Para asistir a estas actuacións, cómpre retirar os convites na Biblioteca da Silva e na Oficina Municipal de Información Xuvenil.

O sábado 24 na Escola Municipal Os Pillabáns haberá unha actuación do GRUPO KATARSIA co seu espectáculo PACAMA. O espectáculo está dirixido as nenas e nenos con idades de 1 a 5 anos e público familiar

Máis un ano, namórate con Lingua de amor

O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, presenta a cuarta edición de Lingua de amor, o concurso de cancións e declaracións de amor a través do correo electrónico.

O concurso Lingua de amor parte co obxectivo principal de estender o uso do galego como lingua habitual entre a xente moza nas súas comunicacións a través da rede.

O concurso Lingua de amor está divido en dúas categorías: declaracións e cancións.

Os premios divídense do xeito seguinte:

Modalidade 1: declaracións de amor en galego a través da rede

  • Categoría A (de 14 a 19 anos):
    1. Un computador portátil Netbook
    2. Unha consola Nintendo DSI XL
    3. Unha cámara de fotos dixital
  • Categoría B (de 20 a 35 anos)
    1. Un computador portátil Netbook
    2. Unha cámara de vídeo dixital
    3. Unha consola Nintendo DSI XL

Modalidade 2: cancións de amor en lingua galega

  1. Un computador portátil Netbook
  2. Un iPod de 3.ª xeración
  3. Unha consola Nintendo DSI XL

Ademais destes premios, todas as persoas gañadoras recibirán un lote de libros e música en galego.

O prazo para participar permanecerá aberto ata o 28 de maio de 2010.

O prazo para as votacións será dende o 29 de maio ata o 6 de xuño de 2010.

Podes achar máis información nesta ligazón.

Orgullos@s do noso. Orgullos@s do galego

Orgullos@s do galego é un vídeo da Coordinadora Galega ENDL que podes ver en Vimeo.

A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presentou o luns 22 de febreiro en Compostela a campaña Orgullos@s do noso. Orgullos@s do galego. A campaña parte co obxectivo de transmitirlle á comunidade educativa mais tamén ao conxunto da sociedade galega, un sentimento que debería ser común a todos nós: o orgullo de posuírmos unha lingua de noso, para presumir do que somos, do que temos, do noso, para fachendear da nosa lingua.

Para alén doutros materias, que están dispoñíbeis no web da CEDNL , o prato forte da campaña son dous vídeos, que se elaboraron, produciron e editaron grazas á colaboración igualmente desinteresada de Antón Reixa e da produtora Filmanova e dalgunhas das figuras máis destacadas que ten Galicia, entre os que cómpre salientar Luís Tosar, Antón Reixa, Belén Regueira, Martiño Rivas, Susana Seivane e María Castro, protagonistas do vídeo “Orgullosos do galego”.

Mais non se trata dunha campaña pechada e de xente coñecida. A CEDNL busca tamén a colaboración da cidadanía para que convida a enviar unha breve historia, unha declaración… en vídeo ao correo electrónico correo@coordinadoraendl.org.

Podes achar máis información sobre a campaña nesta ligazón

Convocatoria de probas para a obtención dos Celga

No Diario Oficial de Galicia do día 8 de febreiro publicouse a Resolución pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4. Ao longo de 2010 levaranse a cabo dúas convocatorias en Galicia, a primeira en maio e a segunda no mes de novembro. Os prazos para a inscrición nalgunha das convocatorias rematan os días 25 de marzo para a primeira quenda e o 8 de outubro, para a segunda.

As datas en que se realizarán as probas son as seguintes:

Convocatoria de maio:

  • Celga 4: 22 de maio de 2010.
  • Celga 2: 23 de maio de 2010.
  • Celga 3: 29 de maio de 2010.
  • Celga 1: 30 de maio de 2010.

Convocatoria de novembro:

  • Celga 4: 20 de novembro de 2010.
  • Celga 2: 21 de novembro de 2010.
  • Celga 3: 27 de novembro de 2010.
  • Celga 1: 28 de novembro de 2010.

Os exames realizaranse nas localidades da Coruña, Santiago de Compostela Lugo, Ourense e Vigo.

Pode atopar máis información na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou na Resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2010.

Ligazóns recomendadas

O Pleno do Concello de Cerceda insta á Xunta a retirar as bases do decreto de plurilingüismo

O Pleno do Concello de Cerceda aprobou, con 12 votos a favor (9 do Grupo Municipal do PSG-PSOE e 3 do Grupo Municipal do BNG) e unha abstención (do PP), unha moción presentada polo grupo socialista en que se insta á Xunta de Galicia a retirar as bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e á recuperación do consenso en materia lingüística.

Logo dunha exposición de motivos en que se salienta que a Xunta de Galicia “ten conseguido a dubidosa honra de que non exista ningunha institución nin sector da sociedade galega que defendan, sequera minimamente, as bases presentadas polo actual goberno Popular”, e que “rachou co consenso lingüístico deste país, nomeadamente co Plan xeral de normalización lingüística aprobado por todo o arco parlamentario no ano 2004”, o Pleno do Concello acordou instar á Xunta de Galicia ao seguinte:

  1. Establecer medidas de protección da lingua galega para superar a súa posición de desvantaxe.
  2. Non tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de desenvolvemento do galego.
  3. Tomar, por contra as medidas precisas no eido da educación, que garanten a competencia plena do alumnado nas dúas linguas oficiais ao rematar o ensino secundario obrigatorio.
  4. Presentar un verdadeiro plan de aprendizaxe de linguas estranxeiras factible e rigoroso sobre a base de continuar e potenciar as medidas acometidas dende o anterior goberno e coa súa correspondente memoria económica que o faga factible.
  5. Reconstruír o consenso social e político, tomando como punto de partido o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento na VI Lexislatura.
  6. A enmarcar o consenso, tal e como defende o Consello da Cultura Galega e impulsa o Grupo Parlamentario Socialista, na constitución no Parlamento de Galicia dunha Comisión parlamentaria na que, estando presente as tres forzas do arco parlamentario, conte coa participación das distintas institucións, sectores sociais, membros da comunidade educativa, ademais de asesores e especialistas, cara á redacción final dun texto que reflicta o consenso que en materia lingüística este país necesita.

Pode descargar unha copia deste acordo nesta ligazón

A nova nos medios

Cursos de linguaxe administrativa que terán lugar nas escolas oficiais de idiomas de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicou o mércores 3 de febreiro a Orde 2010 pola que se convocan cursos gratuítos de linguaxe administrativa galega, que terán lugar nas escolas oficiais de idiomas de Galicia. Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro/marzo de 2010 e a segunda en outubro de 2010, en horario de mañá ou de tarde segundo a dispoñibilidade de aulas.

Os cursos van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia. No caso de non cubrirse as prazas ofertadas para cada curso, poderán solicitalos as persoas maiores de idade que posúan os certificados ou acreditacións equivalentes.

Os prazos para a presentación das solicitudes serán os seguintes:

  • Para a quenda de febreiro/marzo a xuño: será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
  • Para a quenda de outubro a xaneiro: do 1 ao 20 de setembro de 2010.

Dentro da área de influencia de Cerceda, os cursos de linguaxe que se convocan son os seguintes:

Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela

  • Curso de Linguaxe Administrativa de nivel Superior: 2º cuadrimestre de 2009-2010, de 13.00-15.00 h, os luns, martes e xoves
  • Curso de Linguaxe Administrativa de nivel Superior: 2º cuadrimestre de 2009-2010, de 13.00-15.00, os luns, martes e xoves
  • Curso de Linguaxe Administrativa de nivel Superior: 2º cuadrimestre de 2009-2010, de 18.30-21.30, os luns e mércores
  • Curso de Linguaxe Administrativa de nivel Superior: 2º cuadrimestre de 2009-2010, de 10.30-12.30, os martes, xoves e venres
  • Curso de Linguaxe Administrativa de Nivel Superior: 1º cuadrimestre de 2010-2011, con horarios e datas por determinar
  • Curso de Linguaxe Administrativa de Nivel Medio; 1º cuadrimestre de 2010-2011, con horarios e datas por determinar
  • Curso de Linguaxe Administrativa de Nivel Superior: 1º cuadrimestre de 2010-2011, con horarios e datas por determinar

Escola Oficial de Idiomas da Coruña

  • Curso de Linguaxe Administrativa de Nivel Medio: 1º cuadrimestre 2010-2011, con horario por determinar, os luns, mércores e venres

Para máis información pode consultar a orde da convocatoria, descargala en pdf, ou contactar co Gabinete Provincial da Secretaria Xeral de Política Lingüística.

Presentación do libro “55 mentiras sobre a lingua galega” en Cerceda

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación, titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

A obra será presentada simultaneamente en 63 localidades, galegas, españolas e mesmo europeas como París ou Bruxelas ou do mundo, como Nova York ou Bos Aires. A nosa localidade tamén acollerá a presentación organizada pola Plataforma Prolingua e en que colaboran as asociacións culturais Lucerna, Foucelhas e A Revoltosa.

A presentación será o venres 5 de febreiro ás 20:30 horas na Biblioteca Municipal de Cerceda e contará coa presenza de Manuel Lourenzo, X. Bocixa e o técnico de normalización do Concello de Cerceda.

Aquelas persoas que traian un texto breve para ler serán agasalladas pola organización.

Presentación de Pilar Ponte

Ligazóns recomendadas

A nova nos medios

ProLingua presentará mañá en Carballo , Baio e Cerceda «55 mentiras sobre a lingua galega», La Voz de Galicia, edición de Carballo.

Cerceda, 20.30. Na biblioteca. Estarán Manuel Lourenzo (dramaturgo), X. Bociña (asociación Lucerna) e Iván Méndez (normalizador lingüístico do Concello). Vos asistentes que ou desexen poderán levar un poema para ler e optar así a un agasallo.

Convocatoria de cursos Celga nas escolas de idiomas

No Diario Oficial de Galicia do 29 de xaneiro de 2010, publicouse a Orde do 18 de xaneiro de 2010 pola que se convocan cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se desenvolverán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no ano 2010.

Os cursos que se convocan, con carácter gratuíto, desenvolveranse nas diferentes escolas de idiomas do país e están dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos. As solicitudes poderanse presentar na propia escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e ata cinco días antes da data establecida por cada escola oficial de idiomas para o inicio do curso.

No ámbito próximo a Cerceda, só a EOI de Compostela ofrecerá cursos Celga, nas seguintes modalidades e datas:

  • Celga 2: 1º cuadrimestre 2010-2011, de mañá co horario por determinar e coas datas por determinar
  • Celga 3: 1º cuadrimestre 2010-2011, de mañá co horario por determinar e coas datas por determinar
  • Celga 3: 1º cuadrimestre 2010-2011, de tarde co horario por determinar e coas datas por determinar

Na orde da convocatoria, que pode descargar nesta ligazón, non aparece ningún curso na EOI da Coruña. Para máis información pode contactar connosco, ou co Gabinete Provincial da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As nosas recomendacións: EuFalo.tv

A empresa galega A Navalla Suíza presentou o martes 26 de xaneiro un documental colaborativo sobre a relación dos e das galegas coa lingua galega, “unha historia colectiva sobre a lingua, dende o punto de vista dos seus falantes. É, por tanto, unha historia feita a partir de pequenas historias, un discurso feito con moitos discursos diferentes e variados” segundo anuncian na propia páxina web do proxecto, EuFalo.tv.

O proxecto parte co obxectivo de pór “caras ao Mapa Sociolingüístico de Galicia”. Todos os galegos e galegas temos unha relación coa nosa lingua, unha historia ou anécdota que contar. Por iso, as persoas que están detrás do proxecto piden a colaboración da rede para, entre todos, crear un “documental sen fin” sobre a lingua. Só precisamos unha cámara de vídeo (ben vale a do móbil ou a dixital de fotos), unha historia e enviar un correo electrónico a info@eufalo.tv.

Podes achar máis información sobre o proxecto e ver os vídeos que xa están dispoñíbeis na páxina web EuFalo.tv. Para colaborares, podes informarte nesta ligazón.