A empresa galega A Navalla Suíza presentou o martes 26 de xaneiro un documental colaborativo sobre a relación dos e das galegas coa lingua galega, "unha historia colectiva sobre a lingua, dende o punto de vista dos seus falantes. É, por tanto, unha historia feita a partir de pequenas historias, un discurso feito con moitos discursos diferentes e variados" segundo anuncian na propia páxina web do proxecto, EuFalo.tv.
O proxecto parte co obxectivo de pór "caras ao Mapa Sociolingüístico de Galicia". Todos os galegos e galegas temos unha relación coa nosa lingua, unha historia ou anécdota que contar. Por iso, as persoas que están detrás do proxecto piden a colaboración da rede para, entre todos, crear un "documental sen fin" sobre a lingua. Só precisamos unha cámara de vídeo (ben vale a do móbil ou a dixital de fotos), unha historia e enviar un correo electrónico a info at eufalo.tv.
Podes achar máis información sobre o proxecto e ver os vídeos que xa están dispoñíbeis na páxina web EuFalo.tv. Para colaborares, podes informarte nesta ligazón.
Posted under Dinamización
Esta entrada foi escrita por Admin o xaneiro 27, 2010








