![]() |
| De Imaxes do blogue |
O portal galego de novas, Vieiros, vén de anunciar dous certames que xa son tradición na rede: o A Polo Ghit e Unha imaxe para o galego, o primeiro en colaboración coa RTVG e o segundo coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O primeiro certame, que xa vai pola cuarta edición, consiste en elixir a canción galega do verán entre as que se enviaren. Para participar, os temas teñen que ser orixinais, a letra debe estar en galego e teñen que ter as características típicas dunha canción do verán. Haberanse de mandar en formato MP3 aos enderezos electrónicos apologhit at vieiros.com e apologhit at crtvg.es, ou ben en formato físico por correo tradicional a Extrarradio, Radio Galega, San Marcos, 15820 Santiago de Compostela e mais a Vieiros, Rúa do Pombal, 43, soto, 15705 Santiago de Compostela.
Nesta ligazón podes escoitar e descargar os traballos que se presentaron nas edicións anteriores.
O segundo certame, Unha imaxe para o galego convida a enviar fotografías e vídeos que respondan ás seguintes preguntas: Que significa a lingua para ti? Como animar a usala? Como construírmos unha lingua con futuro?
O prazo para enviar os traballos é do 12 de maio até o próximo 30 de xuño.
Posted under Dinamización
Esta entrada foi escrita por Admin o maio 12, 2009








